Todo, todo vén de vello. E en galego, "de vello" non quere dicir con orixe nunha persoa de certa idade, senón "de antes", que non se orixinou agora, que ten raíces fondas (para ben e para mal). O que nos gusta, o que nos preocupa, co que nos divertimos, o que nos asusta... todo tivo un antes que axuda a comprender o agora.
Propoñémosche que este ano traballes algúns dos temas que debes estudar en diferentes áreas, relacionándoos co que teus avós e avoas, ou as persoas máis idosas que te rodean, poidan contarche sobre eles. Isto tampouco é nada novo. De feito, seguindo as pautas necesarias, chega a ser un método de investigación usado por moitas ciencias sociais: Historia, Socioloxía, Antropoloxía, Etnografía, Psicoloxía...
En etnógrafía, para estudar o xeito de vivir dun pobo, organízanse as experiencias persoais e da comunidade como parte do ciclo do ano (festas, celebracións, traballos relacionados coas diferentes estacións...) ou do ciclo da vida (infancia, adolescencia, namoramento e casamento, crianza e outros coidados, vellez, morte...) pero tamén se poden tratar outros moitos temas relacionados con estes (saúde e enfermidade, emigración, hábitos...).
Propoñémosche varios temas de cada un destes bloques sobre os que ao longo do curso iremos recompilando testemuños. O obxectivo, para fin de curso, é termos unha serie podcast sobre os diferentes temas, unha colección de historias de vida e... un álbum de fotos!
Santos
Nadal
A Candeloria
O antroido
Música(s)
Ser neno/nena
Xogos infantís
A escola
Namoramento
Vellez
Emigración
Profesións
A guerra e a posguerra
Saúde e enfermidade
Hábitos de consumo